miércoles, 25 de enero de 2012

Cronica

Este domingo algunhas persoas da asociación Paso Miúdo xuntámonos de novo para ascender ao alto do Valadouro. Ás nove da maña, unhas trece ánimas, doce humanas e unha de can, saímos da igrexa de Santo Tomé cara o cumio elevado. Tras pasar polo lugar de Esqueira e despedirnos dos ouveos dos cans da última casa, emprendemos duro camiño costa arriba. O camiño foi mudando de textura pouco a pouco. A pista de asfalto deu lugar a un camiño de terra e pedras que o eucalipto foi pechando durante uns metros. As paradas foron constantes ao longo da travesía, así, no primeiro desvío moit@s xa botaron mao da botella de auga e do chocolate con améndoas. A viraxe á esquerda fíxonos cruzar o monte arrasado polos tractores, seguir o rastro das profundas pegadas das máquinas e divisar ao alto o Penido dos Ladróns, feito que a algunhas nos fixo establecer, de forma errada, o final do roteiro alí arriba.

A vista era espectacular. Un manto de néboa cubría o val permitindo aos cumios dos penidos acariciar o ar limpo e claro. De fondo, a Frouxeira foi testemuña errante do noso vagar polas ladeiras acompañado do pioneiro Boss que pouco a pouco foi marcando a ruta e o ritmo. Estabamos enganadas si, o Penido dos Ladróns pasou de ser a meta a un alto na nosa vista, permitíndonos rodealo pola dereita e avanzar a cotas máis elevadas. Cando xa parecía que a vista non podía dar máis aló dos Penidos Novo e Vello, ao lonxe, unha serie ergueita e ordenada de muíños permitiunos encadrar o Prado das Chantas , non sen antes afundir os nosos pés nunha charqueira de lama e refugallos orgánicos de vaca. Aquela labiríntica veiga, ao máis puro estilo montañés e propia das turbeiras do Xistral fixo que mollásemos ata a chaqueta.

Logo de descender vagamente e acadar terra firme, a conquista do Prado das Chantas e da segunda merendola aínda requiriu un esforzo máis costa arriba, pero esta vez por terra seca e divisando ao fondo a un cazador de arceas acompañado dos seus cans. Cada un, cada unha, despregou todos os seus encantos mochileiros. A dieta básica destes roteiros adoita acumular diversas variedades de chocolate, con améndoas, con abelás, con arroz inflado, en tabletas enormes para compartir. Non faltou o pan de Juan, as laranxas de Inma e, por suposto, os froitos secos do que o pistacho se coroou como rei.

Despois dun enfrontamento pacífico, pero con sangue, entre Boss e Suso por fin chegou…o descenso. Que unha vez que unha se pon a el, case prefire volver subir, dado o meneo dos xeonllos por aquel asfalto pendente.

Esquecíaseme mencionar o Dolmen de Santo Tomé, claro, é tan pequeno e está tan mal sinalizado que case parece un soño. Cada quen foi buscando a parella que máis se adaptaba ao seu ritmo no descenso, xa esquecidos os esforzos previos e pensando na sorpresa do xantar.

De volta na igrexa e logo de abandonar as ánimas misteriosas que acompañaron a Alicia no camiño, e vendo que aínda era cedo para achegarnos a Casa Franco, decidimos tomar uns petiscos en Casa Balsa. Rodou a cervexa e o chourizo pero case unha hora máis tarde os estómagos reclamaban o ansiado botín.

En Casa Franco agardaban a mai de Inma, a compañeira de Javier (que disque atopou en Gutier a súa alma xemelga, por aquilo de escalar as penas) e a compañeira de Ángel. Tamén se achegou ao xantar Mónica co pequeno Iago, que foi testemuña da zampada de callos, costela asada e flan de queixo da que tod@s “gozamos” (algúns xa entenden ao que me refiro).

Lucia S.C.